sábado, 8 de abril de 2017

Lecturas de casa

0

Agardamos que estes días de descanso os e as peques aproveiten para seguir mergullándose no mundo da literatura infantil. A verdade é que estamos encantados e encantadas coa decisión que tomamos hai uns meses de aportar un libro de lectura para a biblioteca de aula. Os momentos xurdidos a raíz desta iniciativa foron máxicos.

E non vaiades a pensar que cando máis disfrutamos é cando un/unha maior nos le, tamén nos encanta contarlles aos e ás compis e deixar que nos conten eles e elas a nós. Disfrutamos tamén das lecturas individuais, das representacións, das mesturas de personaxes, de cambiarlles os finais por outros da nosa invención... Son moitas as ocasións nas que desexamos rematar o que estamos facendo para poder acudir ao noso recuncho de lectura e poder poñer así a nosa imaxinación en marcha. Quen di que non sabemos ler? A lectura de imaxes e a creatividade posta en xogo constitúen o primeiro paso para abrir as nosas mentes a este marabilloso mundo literario.

Pedimos desculpas se algún dos libros sufriu algún dano, pero iso será sinal de que 22 pares de mans de entre 4 e 5 anos fixeron bo uso deles! E, ao fin e ao cabo, a mellor maneira de darlle vida a un conto é esa, tocándoo e abríndoo cantas veces desexemos.

Permanecede atentos ás mochilas, porque á volta destas vacacións pediremos cambio, para poder gozar de novas lecturas.

Moitas grazas por axudarnos a soñar! 😊




E agora, animádesvos a contarnos cal é o conto que está triunfando nas vosas casas? 📖👇😉

0 comentarios:

Publicar un comentario