xoves, 20 de abril de 2017

Axenda Abril

0

Xa tedes plan para estes últimos días do mes? Aquí vos amosamos algunhas opcións interesantes:

Este venres 21 de abril (mañá), ás 18.30h, a librería Libros para Soñar celebra o seu aniversario e, para elo, ademais da torta correspondente, contará cunha chea de sorpresas, entre as que destacará a presenza do ilustrador vigués Federico Fernández (creador das ilustracións de obras como "Aurelio", editada por Kalandraka e nalgunha ocasión traballada na clase).

Adxúntovos o cartaz e recórdovos a ubicación da librería:





Xa o luns 24, na Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas, ás 18h, terá lugar a estrea dun novo espectáculo da compañía de teatro Migallas, á que algúns e algunhas de vós coñecestes na Sala Ártika hai unhas semanas. Nesta ocasión a nosa amiga Bea Campos e o Sr. Sagüillo serviránse dunha mesiña de noite coa que nos regalarán un mundo de contos a través dos títeres e as sombras. Eu non mo perdería! O bo facer destes artistas non ten parangón👌

Aquí tedes a ubicación da Biblioteca e o cartaz correspondente:





E rematamos cun posible plan para o último venres do mes, 28 de abril. Nesta data a librería Libros para Soñar ten previsto realizar un Obradoiro de Arquitectura infantil que leva por nome "A cidade dos nenos", facendo referencia á obra do famoso psicopedagogo italiano Francesco Tonucci, un dos persoeiros máis relevantes na defensa da Infancia, que neses días andará pola cidade.



*A este respecto, infórmovos tamén que aqueles e aquelas que esteades interesados en acudir a algunha das súas charlas (máis que aconsellables) poderedes intentalo nestas datas e lugares:

- Vigo, luns 24 de abril, no Auditorio do Areal, ás 20h, conferencia-coloquio A cidade dos nenos e das nenas, unha nova filosofía de goberno da cidade da man do propio pensador.

- Pontevedra, xoves 27 de abril, ás 19.30h no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.



Ademais, nesta cidade veciña, poderedes aproveitar para visitar a exposición Imaxinar a educación. 50 anos con Frato (seudónimo co que o pedagogo asina as súas coñecidas e sempre certeiras viñetas), no Pazo da Cultura da cidade dende o 28 de abril ata o 11 de xuño. Esta mostra está dirixida tanto a profesionais da educación, como a nenos e familias, pois, como ben afirma o autor "todos temos a responsabilidade de escoitar o que os máis pequenos teñen que dicirnos para construír cidades, escolas e, en xeral, espazos habitables e felices para todos".





Se podedes acudir a algunha das actividades, non esquezades compartilo connosco! 😉

Para rematar, déixovos con algún que outro documento no que poderedes ver a liña sobre a que traballa este gran home. Deixo á vosa disposición o cadro de comentarios 😉






0 comentarios:

Publicar un comentario