xoves, 27 de abril de 2017

Axenda Primavera

1

Aquí vos deixo unha pequena selección das actividades que poderedes desfrutar na cidade nestas datas. Imaxino que irán xurdindo máis, así que, se aparece algo interesante, irei actualizando este artigo 👇

  • Venres 28 de abril, ás 18.30h, na librería Libros para Soñar: Obradoiro de Arquitectura "A cidade dos nenos" (baseada, como adiantamos anteriormente, na obra do xenial F. Tonucci), para maiores de 3 anos, onde nenos e nenas darán renda solta á súa creatividade para construír a cidade que imaxinan.




  • Sábado 29 (18h) e domingo 30 de abril (pase ás 12h e ás 18h), na Sala Ártika: Títeres Cachirulo, compañía de teatro creada en Compostela xa no 86 (foron eles os creadores do primeiro espectáculo de títeres ao que asistín no meu colexio!), tráenos a historia de O Libro da Selva. Pode haber algo mellor para estas pequenas e pequenos exploradores do continente africano? 😉 Aquí vos deixo un avance:


En caso de que vos interese, déixovos de novo a ubicación e o enlace para mercar as entradas aquí (6€ + gastos de xestión -5€ se ides tres ou máis membros da familia-).


  • 13 e 14 de maio, das 12 ás 20h, no barrio de Navia (Vigo): o grande acontecemento familiar da cidade para o mes de maio!!! o Festival Plis Plas!!! 👌 Trátase dun evento urbán especialmente pensado para o público familiar no que todos e todas poderedes desfrutar de contacontos, música, xogos, teatro, maxia, mercadillo... Podedes seguir tódalas novidades relacionadas co mesmo, aquí. E, para ir facéndovos as ganas, ollade unha mostra dun dos espectáculos que poderedes ver (sí, sí! o mesmo ao que asistiremos co cole o vindeiro xoves 4 de maio 😉)


  • Sábado 10 de xuño (un pase de 10 a 11.30h, e outro de 12 a 13.30h), na Escola Infantil Los Olivos: Charla- taller "Rabietas- Cómo gestionarlas", impartida por Míriam Tirado (periodista especializada en maternidade/paternidade e consultora de crianza respectuosa). Se estades interesadas ou interesados en acudir a este taller, aconsellan que vos fagades coa entrada canto antes, pois as familias da escola na que se imparte teñen prioridade e, de seguro, as entradas que queden libres, esgotaranse facilmente. Déixovos o cartel con tódolos datos e un pequeno vídeo onde poderedes coñecer a Míriam e o seu divertido plantexamento da frustración infantil.




domingo, 23 de abril de 2017

FELIZ DÍA DO LIBRO!

0

Estamos de celebración! Chegou o Día Mundial do Libro e con motivo desta festividade, o Equipo de Biblioteca do centro levará a cabo durante toda a semana que comeza un conxunto de actividades que darán forma á nosa Semana do Libro

Así, durante os recreos desta semana os patios do colexio contarán con caixas e carriños cheos de contos que os nenos e nenas poderán ollar e ler libremente 📚.


Ademais, o xoves despois do recreo levaremos a cabo o noso tradicional Apadriñamento Lector, grazas ao que os pequenos e pequenas de Infantil, 1º e 2º poderán disfrutar das lecturas que os nenos e nenas máis maiores do cole lles van ofrecer. 

Así mesmo, o venres recibiremos a unha mamá voluntaria que acudirá ao colexio para sorprendernos con algún que outro conto, estamos ansiosos e ansiosas por recibila!

Apadriñamento Lector 2016

Para irmos quentando motores, o pasado venres decidimos traballar un pouquiño no mural proposto polo Equipo da Biblioteca: "Un conto que nos encantou..." para o que reproducimos as portadas dalgún dos nosos contos favoritos, velaquí o resultado:








Agardamos que a partires de mañán disfruten moito dun evento preparado con moito agarimo; agarimo polos nosos libros e, como non, polos nosos nenos e nenas 💚


* Recordade, ademais, que con motivo da celebración do Día do Libro, que este ano cae en domingo, case tódalas vosas librerías vos ofrecerán este luns un 10% de desconto en tódalas compras 👍

*Ah! E non esquezades pasarvos polo blogue do cole TOC TOC Beade, onde vimos de colgar un resumo en imaxes da nosa última saída ao cine 😉


xoves, 20 de abril de 2017

Axenda Abril

0

Xa tedes plan para estes últimos días do mes? Aquí vos amosamos algunhas opcións interesantes:

Este venres 21 de abril (mañá), ás 18.30h, a librería Libros para Soñar celebra o seu aniversario e, para elo, ademais da torta correspondente, contará cunha chea de sorpresas, entre as que destacará a presenza do ilustrador vigués Federico Fernández (creador das ilustracións de obras como "Aurelio", editada por Kalandraka e nalgunha ocasión traballada na clase).

Adxúntovos o cartaz e recórdovos a ubicación da librería:





Xa o luns 24, na Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas, ás 18h, terá lugar a estrea dun novo espectáculo da compañía de teatro Migallas, á que algúns e algunhas de vós coñecestes na Sala Ártika hai unhas semanas. Nesta ocasión a nosa amiga Bea Campos e o Sr. Sagüillo serviránse dunha mesiña de noite coa que nos regalarán un mundo de contos a través dos títeres e as sombras. Eu non mo perdería! O bo facer destes artistas non ten parangón👌

Aquí tedes a ubicación da Biblioteca e o cartaz correspondente:





E rematamos cun posible plan para o último venres do mes, 28 de abril. Nesta data a librería Libros para Soñar ten previsto realizar un Obradoiro de Arquitectura infantil que leva por nome "A cidade dos nenos", facendo referencia á obra do famoso psicopedagogo italiano Francesco Tonucci, un dos persoeiros máis relevantes na defensa da Infancia, que neses días andará pola cidade.



*A este respecto, infórmovos tamén que aqueles e aquelas que esteades interesados en acudir a algunha das súas charlas (máis que aconsellables) poderedes intentalo nestas datas e lugares:

- Vigo, luns 24 de abril, no Auditorio do Areal, ás 20h, conferencia-coloquio A cidade dos nenos e das nenas, unha nova filosofía de goberno da cidade da man do propio pensador.

- Pontevedra, xoves 27 de abril, ás 19.30h no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.



Ademais, nesta cidade veciña, poderedes aproveitar para visitar a exposición Imaxinar a educación. 50 anos con Frato (seudónimo co que o pedagogo asina as súas coñecidas e sempre certeiras viñetas), no Pazo da Cultura da cidade dende o 28 de abril ata o 11 de xuño. Esta mostra está dirixida tanto a profesionais da educación, como a nenos e familias, pois, como ben afirma o autor "todos temos a responsabilidade de escoitar o que os máis pequenos teñen que dicirnos para construír cidades, escolas e, en xeral, espazos habitables e felices para todos".





Se podedes acudir a algunha das actividades, non esquezades compartilo connosco! 😉

Para rematar, déixovos con algún que outro documento no que poderedes ver a liña sobre a que traballa este gran home. Deixo á vosa disposición o cadro de comentarios 😉






sábado, 8 de abril de 2017

Lecturas de casa

0

Agardamos que estes días de descanso os e as peques aproveiten para seguir mergullándose no mundo da literatura infantil. A verdade é que estamos encantados e encantadas coa decisión que tomamos hai uns meses de aportar un libro de lectura para a biblioteca de aula. Os momentos xurdidos a raíz desta iniciativa foron máxicos.

E non vaiades a pensar que cando máis disfrutamos é cando un/unha maior nos le, tamén nos encanta contarlles aos e ás compis e deixar que nos conten eles e elas a nós. Disfrutamos tamén das lecturas individuais, das representacións, das mesturas de personaxes, de cambiarlles os finais por outros da nosa invención... Son moitas as ocasións nas que desexamos rematar o que estamos facendo para poder acudir ao noso recuncho de lectura e poder poñer así a nosa imaxinación en marcha. Quen di que non sabemos ler? A lectura de imaxes e a creatividade posta en xogo constitúen o primeiro paso para abrir as nosas mentes a este marabilloso mundo literario.

Pedimos desculpas se algún dos libros sufriu algún dano, pero iso será sinal de que 22 pares de mans de entre 4 e 5 anos fixeron bo uso deles! E, ao fin e ao cabo, a mellor maneira de darlle vida a un conto é esa, tocándoo e abríndoo cantas veces desexemos.

Permanecede atentos ás mochilas, porque á volta destas vacacións pediremos cambio, para poder gozar de novas lecturas.

Moitas grazas por axudarnos a soñar! 😊




E agora, animádesvos a contarnos cal é o conto que está triunfando nas vosas casas? 📖👇😉