domingo, 5 de febreiro de 2017

Por que "Landras e Rosas"?

0

Comecemos por explicar o motivo deste título para o blogue. Como moitas e moitos de vós xa saberedes, no curso pasado fixémonos con dous membros máis para a aula: dúas landras que atopamos no outono de 2015 e que, tras ser soterradas nuns vasiños de terra, deron lugar aos nosos benqueridos carballos, bautizados polos nenos e nenas como: Manuel María e Rosalía.

Foi unha longa espera ata que poidemos ver agromar as primeiras ramiñas, e ante o desexo de poñerlles un nome que os achegasen máis a nós, os pequenos e pequenas recorreron, como vedes, aos nomes que máis soaban pola aula naquel entón.

Dende Febreiro de 2016, Rosalía de Castro converteuse nun personaxe clave na nosa aula, e é que a lectura dos seus poemas chegou de xeito especial a tódolos nenos e nenas na celebración do seu día (24 de Febreiro). Aínda é hoxe o día no que o silencio emocionado impera ante a escoita de "Adios ríos, adios fontes".

Para o outro carballo decidiron escoller o nome doutro autor ao que tamén adicamos tempo de contos e recitados no curso pasado, con motivo das Letras Galegas. Él foi quen nos regalou o poema bailado no festival (Caracol, caracoleiro) e nós démoslle as grazas poñéndolle o seu nome ao carballo que, sen sabelo, máis ía medrar: Manuel María.

Aquí vos deixamos o testimonio gráfico (para o que recuperamos material do curso anterior):

Manuel María, agromando tímidamente...

Rosalía





0 comentarios:

Publicar un comentario