xoves, 23 de febreiro de 2017

Como que hai que traer zapatillas?!

0

Antes de nada, desculpas por esas confusas mensaxes que a pasada semana chegaron a algunhas casas! Agora vos explicaremos o porqué dese recado en forma de "zapatillas para o cole" 😳

A profe María, soubo do noso interese por obter unha alfombra de letras e números para a aula e, meu dito, meu feito, agasallounos con unha! O luns colocámola facendo un divertido xogo co que tamén traballamos o recoñecemento do abecedario (coa axuda de cancións e buscando as letras perdidas e as palabras que as rescataban).

Así, unha vez ubicada no recuncho acordado, fixémonos cun novo espazo de lectura que, dende entón, está do máis concorrido. Ata tivemos que poñer límite de aforo! É incrible o ilusionante que pode chegar a ser algo tan sinxelo.

Ademais de acordar o número de aforo, a través do cal traballamos conceptos como a cantidade ou o volume (vendo canto espazo ocupa un número determinado de nenos/as), tivemos que establecer unhas normas de hixiene para conservala en boas condicións o maior tempo posible, pois sabemos que ao vir de fóra os nosos zapatos poden manchala con facilidade. Así, decidimos que para poder estar sobre a alfombra, deberemos comprobar que as nosas solas están limpas e, de non estalo, poderemos descalzarnos (non vos sorprendades se ás veces, por moi limpo que traiamos o calzado, vemos perigoso ata o lixo máis ínfimo...). E neste debate, amigos e amigas, foi onde xurdiu a idea das "zapatillas de clase", pero, como vedes, non as precisamos, pois xa o arranxamos cun entrenamento avanzado de calzarse e descalzarse 😉

Xogamos por equipos coas letras.

Ansiosos e ansiosas por estreala!

Recuncho de lectura dos "pes descalzos".


E xa noutra orde de cousas... preparados e preparadas para mañá??? 👳💃

0 comentarios:

Publicar un comentario