sábado, 25 de febreiro de 2017

Entroido 2017

0

Cansas e cansos, pero moi felices de compartir convosco este Festival de Entroido! 🎉🎭 Esperamos que o pasarades moi ben! O noso grande traballo destes días tivo hoxe o seu peche de ouro.

Non tiven a oportunidade de falar con todos e todas vós, mais non me gustaría perder a ocasión de agradecervos a vosa colaboración. Fixestes un traballo ben bonito, e con moito agarimo, que iso sempre se nota. Parabéns a todos e todas!

Vémonos o xoves de volta no cole. A correr o Entroido! 😃







xoves, 23 de febreiro de 2017

Como que hai que traer zapatillas?!

0

Antes de nada, desculpas por esas confusas mensaxes que a pasada semana chegaron a algunhas casas! Agora vos explicaremos o porqué dese recado en forma de "zapatillas para o cole" 😳

A profe María, soubo do noso interese por obter unha alfombra de letras e números para a aula e, meu dito, meu feito, agasallounos con unha! O luns colocámola facendo un divertido xogo co que tamén traballamos o recoñecemento do abecedario (coa axuda de cancións e buscando as letras perdidas e as palabras que as rescataban).

Así, unha vez ubicada no recuncho acordado, fixémonos cun novo espazo de lectura que, dende entón, está do máis concorrido. Ata tivemos que poñer límite de aforo! É incrible o ilusionante que pode chegar a ser algo tan sinxelo.

Ademais de acordar o número de aforo, a través do cal traballamos conceptos como a cantidade ou o volume (vendo canto espazo ocupa un número determinado de nenos/as), tivemos que establecer unhas normas de hixiene para conservala en boas condicións o maior tempo posible, pois sabemos que ao vir de fóra os nosos zapatos poden manchala con facilidade. Así, decidimos que para poder estar sobre a alfombra, deberemos comprobar que as nosas solas están limpas e, de non estalo, poderemos descalzarnos (non vos sorprendades se ás veces, por moi limpo que traiamos o calzado, vemos perigoso ata o lixo máis ínfimo...). E neste debate, amigos e amigas, foi onde xurdiu a idea das "zapatillas de clase", pero, como vedes, non as precisamos, pois xa o arranxamos cun entrenamento avanzado de calzarse e descalzarse 😉

Xogamos por equipos coas letras.

Ansiosos e ansiosas por estreala!

Recuncho de lectura dos "pes descalzos".


E xa noutra orde de cousas... preparados e preparadas para mañá??? 👳💃

sábado, 18 de febreiro de 2017

Viaxes e aeroportos.

0

Hai cousa dun mes, unha das nosas compis dispoñíase a viaxar en avión por primeira vez, ¡emocionante! ✈

Por suposto, cando nolo contou, xurdiron moitas preguntas na aula e coa axuda dunha maqueta dun avión real (herdanza do noso antigo compañeiro, Santi) e algunhas pezas de construción, poidemos coñecer cómo é o funcionamento xeral dun AEROPORTO e dunha viaxe en avión: despegues e aterraxes sobre rodas (algo que sorprendeu a moitos/as), torres de control, bombeiros, cintas transportadoras, arcos de seguridade... Sen dúbida, un gran tema para un futuro proxecto que non descartamos!

Dende aquel día, moitos dos nosos xogos tratan de recrear aquilo que aprendemos:

Adriana e Aitana orgullosas do seu moderno aeroporto.
Noa C. e Lucas en proceso de construción do seu propio aeroporto.

Súmase Arturo e ollade... non falta detalle!

E, por se queredes seguir profundizando no tema ou tedes algunha viaxe en mente, deixamos referencia dun agasallo interesante para aquelas familias interesadas no tema. Trátase dun libro moi completo que nos fala do día a día nun aeroporto e que inclúe, ademais, un conxunto de despregables para montar a vosa propia pista.

http://www.edebe.com/publicaciones-generales/libro-aeropuerto-un-aeropuerto-en-accion=4096=1=157

domingo, 12 de febreiro de 2017

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

0

Esta fin de semana celebramos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia (11 de febreiro) proclamado como tal pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 2015.




Con esta celebración pretendemos dar a coñecer a nenas e nenos o valor da muller na ciencia, históricamente relegada a un segundo plano, e con menos oportunidades no ámbito da investigación.


Trátase de visibilizar a figura das moitas precursoras coas que contamos (tanto figuras históricas como de actualidade) e de facer fronte a estereotipos e restricións sociais e culturais que frean o desexo das nenas de implicarse nos estudos científicos. 


Como ben manifestou no día de onte a Directora Xeral da UNESCO, a Sra. Irina Bokova, "a humanidade non se pode permitir ignorar á metade do seu xenio creador".







Déixovos, para rematar, cunha entrevista do ano 1971 publicada no Faro de Vigo, na que poderedes coñecer a unha desas figuras precursoras do papel feminino na ciencia: a Doutora Olimpia Valencia

Nada en Ourense e posteriormente afincada en Vigo, converteuse, no ano 1925, na primeira muller galega en obter a licenciatura de Mediciña. 


Seguro que moitos foron os obstáculos que atopou no seu camiño, mais, como poderedes ler, a confianza do seu pai foi clave para manterse firme nos seus propósitos😉 E é que as nosas mensaxes (mesmo aquelas das que non somos conscientes) teñen moito que ver na formación da personalidade dos pequenos e pequenas aos que estamos acompañando!



                                         


E, para todos aqueles e aquelas amantes do cine que nos lean, non podemos deixar de recomendar unha recente produción que aínda tedes en carteleira e que ben pode relacionarse con esta celebración:




Trátase dunha interesantísima produción americana que relata a labor de tres matemáticas afroamericanas en nada máis e nada menos que a NASA durante a Guerra Fría, en plena carreira espacial. 100% aconsellable!👌




domingo, 5 de febreiro de 2017

Comezamos proxecto!

2

Esta semana será especial, sen dúbida. Comezamos a preparar o Entroido que nos trae da man o inicio dun novo proxecto co que estamos entusiasmados e entusiasmadas. Iniciamos unha viaxe polo globo que nos levará ata ÁFRICA🌍 Xa vos iremos amosando os nosos descubrimentos; e non esquezades amosarnos tamén os que fagades na casa! Xa sabemos que estas pequenas mentes non acougan nunca!😄



Febreiro en Libros para Soñar

0

Estreamos sección familiar co cartel que a nosa librería favorita vos ten preparado para este mes de Entroido 😄 Podedes pinchar na imaxe para vela máis ampliada.


E aquí vos deixamos a ubicación para que non haxa perda 😏


Por que "Landras e Rosas"?

0

Comecemos por explicar o motivo deste título para o blogue. Como moitas e moitos de vós xa saberedes, no curso pasado fixémonos con dous membros máis para a aula: dúas landras que atopamos no outono de 2015 e que, tras ser soterradas nuns vasiños de terra, deron lugar aos nosos benqueridos carballos, bautizados polos nenos e nenas como: Manuel María e Rosalía.

Foi unha longa espera ata que poidemos ver agromar as primeiras ramiñas, e ante o desexo de poñerlles un nome que os achegasen máis a nós, os pequenos e pequenas recorreron, como vedes, aos nomes que máis soaban pola aula naquel entón.

Dende Febreiro de 2016, Rosalía de Castro converteuse nun personaxe clave na nosa aula, e é que a lectura dos seus poemas chegou de xeito especial a tódolos nenos e nenas na celebración do seu día (24 de Febreiro). Aínda é hoxe o día no que o silencio emocionado impera ante a escoita de "Adios ríos, adios fontes".

Para o outro carballo decidiron escoller o nome doutro autor ao que tamén adicamos tempo de contos e recitados no curso pasado, con motivo das Letras Galegas. Él foi quen nos regalou o poema bailado no festival (Caracol, caracoleiro) e nós démoslle as grazas poñéndolle o seu nome ao carballo que, sen sabelo, máis ía medrar: Manuel María.

Aquí vos deixamos o testimonio gráfico (para o que recuperamos material do curso anterior):

Manuel María, agromando tímidamente...

Rosalía





sábado, 4 de febreiro de 2017

BENVIDA

4


Estimadas familias, benvidas ao noso novo blogue. Abrimos este espazo coa ansia de facervos chegar a todas e todos vós o que acontece na nosa aula. Aquí poderedes coñecer os proxectos nos que estamos a traballar, así como as nosas inquedanzas máis inmediatas.

Tamén compartiremos lecturas e actividades que considere poidan ser do voso interese; poderedes atopalas na sección Para vós.

Agardo que disfrutedes dos contidos e anímovos a participar coas vosas suxerencias e comentarios. 
Comezamos!