sábado, 14 de abril de 2018

Unha visita moi especial.

2

E ao final, conseguímolo! Tuti e Jose aceptaron a nosa invitación e, moi valentes, atrevéronse a deixarse interrogar por estas 22 mentes inquedas que nunca sabemos por onde van saír 😅


Foi unha sesión moi divertida na que poidemos resolver por fin as nosas dúbidas arredor das nasas e, ademais, aprender moitas curiosidades sobre o mar, sabiades vós que aos polbos pode medrarlle unha nova pata se a perden?, que de ter moita fame poderían incluso pegarse un mordisco a sí mesmos?😕, e que un peixe espada nunca sairá con vida dunha loita cun tiburón aínda que gañe?


Por supostísimo, estamos encantados e encantadas de ter recibido a Jose e a Tuti, dous expertos pescadores na nosa aula, pesca artesanal/ pesca industrial, pesca de altura/ pesca de baixura, menudo privilexio!

E, nuns días, Anxo traerá á aula algunhas imaxes nas que poderemos comprobar que todo o que nos contaron era ben certo! Estamos desexando ver esa tartaruga xigante e centenaria 🐢

MOITÍSIMAS GRAZAS JOSE E TUTI! Agardamos que vos gusten os nosos debuxos tanto como a nós a vosa compañía🐬




xoves, 12 de abril de 2018

Descubrindo sentimentos con Antonio Quesada.

0

Esta semana fixémonos un pouco máis maiores camiñando polos corredores da Sala de Exposicións do Teatro Afundación.



María, a encargada de amosarnos a exposición de Antonio Quesada, axudounos a comprender as tres normas básicas que debemos cumprir cando visitemos un museo: falar baixiño, camiñar amodiño e non tocar as obras para que non se gasten! E sabedes que? Pois que nos felicitou por telo feito fenomenal! Está xenial poder ir descubrindo novos espazos e adaptarnos, desfrutando ao mesmo tempo de todo o que nos ofrecen.




María tamén nos presentou a Pintafontes, un lagarto moi tímido ao que axudamos a recuperar as súas manchas facendo un percorrido por toda a sala na súa busca. Deste xeito, poidemos ir observando as diferentes obras que Antonio Quesada pintou dese xeito tan especial, dende o sentimento. Algo que nós mesmos e nós mesmas poidemos experimentar!












Agora que tedes aos expertos e expertas na casa, e, xa que nos quedaron algunhas obras por observar máis detidamente, que saibades que a exposición permanecerá no mesmo lugar ata o día 21 de abril (entrada gratuíta). Por aquí vos deixamos un enlace a tódolos datos por se vos apetece coñecer un pouco máis; podedes acceder facendo clic na seguinte imaxe:

A. Quesada en 2015, posando diante dunha das obras da exposición que máis gustou aos nenos e nenas da clase.
(Imaxe do diario Atlántico)


E estade ben atentos e atentas, nunhas semaniñas falaremos convosco sobre a nosa vindeira excursión, as ganiñas que lle temos non o sabedes ben!!! (bueno, ou sí... jejeje)😄